Actos para a celebración do XVII Aniversario da Muralla como Patrimonio Mundial

Os actos conmemorativos do XVII Aniversario da Muralla de Lugo como Patrimonio Mundial se celebrarán do 30 de novembro ao 3 de decembro en distintos espazos da cidade. Na presentación, a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, estivo acompañada polo profesor e historiador Javier Gómez, así como representantes das asociacións de Asemblearias, Civitas Lucensis, Mercenarios Galaicos, Trebas Galaicas e Cohors III Lucensium.

Os actos comezarán o xoves, 30 de novembro, ás 20:00 horas coa presentación no Auditorio do Vello Cárcere do poemario de Xosé Otero Canto, Muralla, lúa chea imperial. Posteriormente, ás 21:00 horas, haberá un concerto de Lucus Ensemble no patio do Vello Cárcere.

Para o venres, 1 de decembro, dende as 19:00 horas está programada unha actuación do coro infantil da Escola Municipal de Música con motivo da inauguración do alumeado ornamental de Nadal, que se celebrará na Praza Maior, diante da Casa do Concello.

Ese mesmo día, ás 21:00 horas terá lugar o acto de recreación do inicio da construción da Muralla de Lugo, Moenia Lucensis Civitatis, tamén na Praza Maior, diante da Casa do Concello. A continuación, a partir das 21:30 horas, continuará o acto na Ronda da Muralla, pola zona da Mosquera e cun desfile posterior polo adarve dende o Cantiño ata a Porta de Santiago e polo recinto histórico.

O sábado, 2 de decembro, ás 20:30 horas celebrarase unha charla do profesor e historiador Javier Gómez no Auditorio do Vello Cárcere e a continuación realizarase un paseo nocturno pola Muralla.

Os actos finalizarán o domingo, 3 de decembro, ás 13:00 horas coa actuación do coro de nenas e nenos da Banda Filharmónica de Lugo no patio do Vello Cárcere.