A Diputación da Coruña potenciará a reforestación con castiñeiros

AMAdeira, permitirá formar a 70 persoas desempregadas para que creen novas plantacións e axuden ás asociacións e comunidades de montes a rentabilizar os castiñeiros de maneira eficiente e sustentable.

A Deputación da Coruña desenvolverá este proxecto pioneiro na comarca de Ortegal para potenciar a reforestación dos montes galegos con castiñeiros, á vez que se crean postos de emprego ligados ao aproveitamento de recursos coma a madeira, as setas ou as castañas. Xa conta coa aprobación para desenvolvelo dentro do Programa Emplea Verde, que promoven conxuntamente o Ministerio de Agricultura, Pesca, Alimentación e Medio Ambiente, o Fondo Social Europeo e a Fundación Biodiversidad.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, explicou que este programa desenvolverase por primeira vez no concello de Cerdido, que foi seleccionado polas súas particulares características, coma a elevada superficie forestal, a porcentaxe de zonas rurais, a media de idade ou o gran número de empresas e entidades dedicadas á silvicultura e a sectores relacionados coa madeira.

Para participar, darase prioridade aos maiores de 45 anos dos concellos da comarca de Ortegal, aínda que se sobran prazas estas abriranse ás persoas interesadas de calquera concello da provincia. Así mesmo, un mínimo do 50% serán mulleres. Deste xeito, impulsarase a empregabilidade nos sectores de poboación máis afectados polo paro.

As actividades de AMAdeira incluirán obradoiros sobre as madeiras propias de Galicia, itinerarios formativos e unha bolsa de emprego en sectores relacionados. Realizaranse un total de 12 cursos formativos que abranguerán diversas disciplinas, coma a creación e mantementos das plantacións, aproveitamento e xestión da biomasa forestal, transformación agroalimentaria de castañas e setas, rehabilitación de elementos arquitectónicos con madeira, eco-construción, económica, administración ou marketing online.