Resultados máis que positivos para o San Froilán

As do San Froilán 2017 foron unhas “festas para enmarcar” pola “altísima participación” rexistrada e o “gran ambiente e animación vivido nas rúas”,  así  o asegurou a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez. O multitudinario concerto de Los Secretos, cunhas 10.000 persoas, segundo as estimacións de Protección Civil, “puxo o xoves o broche de ouro espectacular” a nove días de festas, nas que “a xente, tanto os lucenses, como os miles de visitantes que se achegaron a Lugo, foron os grandes protagonistas, e, por suposto co bo tempo como aliado, saíron á rúa para gozar da cidade, de todos os seus recunchos, e dunha ampla programación con 200 actividades para todos os gustos e todos os públicos. Foras por onde foras, a cidade estaba a desbordar”.

Os datos oficiais da Oficina Municipal de Turismo e da caseta informativa que instalou o Concello na Praza Maior, que atenderon a preto de 10.000 persoas, como a ocupación hotaleira ofrecida pola APEHL, de entorno ao 90%, amosan o éxito de participación da festas.

A Alcaldesa destacou o ambiente e animación vividos no recinto feiral, así como en eventos como o propio pregón de Marica Campo, o Desfile de Gando, o Día de Ferrol, o Domingo das Mozas coa “emotiva ofrenda de Noemi Mazoi”, o Día do Maior, os actos do Camiño e os Dereitos Humanos, ou a Volta ao Medievo, a feira medieval que “cumpriu esta ano a súa maioría de idade”.

Xunto á “xa mítica frase na que Cunqueiro cualificou as nosas festas como as máis bonitas do outono galego, gustaríame acuñar a que dixo Marica Campo no pregón: o San Froilán é o conxuro do outono para poder pasar o inverno”, asegurou a Alcaldesa.

Méndez expresou o seu agradecemento e o de toda a Corporación “ás miles de persoas que nos visitaron estes días”, e a todas aquelas que “fan que o San Froilán sexa o que é”, e convidou a seguir gozando esta fin de semana do feiral, que ofrecerá descontos nos carruseis infantís, coas entradas a 2 euros, así como das casetas do polbo, que continuarán abertas ata o 1 de novembro.
f_ lugo.gal