O Concello reordena a Praza de Abasto de Pontevedra

En menos de dúas semanas baixarase a lonxa de pescado da praza de abastos do primeiro andar. “É un paso e unha aposta decidida por reordenar os postos do mercado, un tema do que se falou en moitas ocasións pero que comeza a efectivizarse” sinalou a concelleira de Promoción Económica e responsábel de Mercados, Anabel Gulías que non oculta que “o proxecto tivo certas resistencias pero despois de falalo coas persoas indicadas “enfrontarase este primeiro paso”. A baixada da lonxa está orzamentada en 21.000 euros.

Están xa solicitados os preceptivos permisos á Xunta de Galicia para o traslado da lonxa. Ademais, explicou a concelleira Anabel Gulías, o Concello ten a intención de sacar a concurso público a explotación da lonxa co fin de sacarlle máis rendemento. “A baixada pode ser un bo momento para iniciar a tramitación”, engadiu.

Non será a única reubicación que enfronte o mercado no curto prazo. O próximo luns, a concelleira manterá unha reunión coas praceiras para informarlles da proposta técnica que barallan para baixar ao primeiro andar as froiteiras que teñen hoxe en días os postos no segundo andar. A reordenación dos postos da praza son un paso máis cara o proxecto de remodelación do mercado -e reactivación- que promove a Concellería de Promoción Económica ao abeiro da Estratexia DUSI.

A reforma do regulamento do mercado, proxectos de dinamización como O ganapán ou Sétima Feira amosan que algo se está a mover no mercado e que a súa potenciación está nas prioridades do actual mandato municipal.