Buscar/Hemeroteca

miércoles, 4 de octubre de 2017

Lugo suma aos seus atractivos turísticos o cemiterio de San Froilán

O Cemiterio Municipal de San Froilán (Lugo) resultou gañador do concurso para elixir a mellor actividade de portas abertas de España, o que contribuirá, aínda máis, a aumentar o atractivo turístico do municipio, segundo anunciou a concelleira Rosana Rielo.

Para a edil, "o resultado é moi positivo, polo que estamos moi satisfeitos e orgullosos do noso cemiterio e das actividades que organizamos nel”, ademais agradeceu “o traballo realizado polos técnicos municipais, que fan posible que isto sexa unha realidade".

Este certame organizado pola revista Adiós Cultural, financiada e editada por Funespaña, ten como obxectivos a potenciación de actividades culturais en torno aos cemiterios, a posta en valor do patrimonio funerario e a súa divulgación.

Unha vez que o cemiterio de Lugo foi seleccionado como finalista da primeira fase do Concurso de Cemiterios de España, na modalidade de mellor actividade de portas abertas, a principios de xullo abriuse a segunda fase, unha votación popular na que a cidadanía elixiu como gañador ao lucense por máis dun cento de votos con respecto ao segundo máis votado, o cemiterio de Monturque en Córdoba. Tomaron parte unha decena de candidaturas de toda España, dende Avilés, Torrelavega, Zaragoza, Barcelona ou Granada.

O Concello presentou a súa candidatura nesta categoría. Para elo elaborouse unha memoria da programación de actividades culturais realizadas no recinto do cemiterio durante os últimos anos, para a posta en valor da riqueza artística do patrimonio histórico e cultural que se custodia no recinto, e para potencialo como un espazo de reflexión, calma e acougo.

A traxectoria é froito dunha actividade planificada e ardua, cun obxectivo claro que ademais de potenciar a difusión entre a cidadanía da riqueza patrimonial do cemiterio, tamén pretende afondar no concepto da morte como parte ineludible do ciclo vital e contribuír a unha visión máis asertiva do feito natural do fin da vida.

Esta é a segunda ocasión na cal o Cemiterio de San Froilán obtén o primeiro premio neste concurso, acadando na primeira, no ano 2015, o galardón de Mellor Monumento Arquitectónico de España.

No hay comentarios: