Importante achega da Deputación de Lugo ás festas das San Lucas

O Presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos Conde, e o Presidente da Comisión das Feiras e Festas das San Lucas, Miguel Souto Cabana, asinaron o convenio de colaboración entre as dúas entidades para promocionar as Feiras das San Lucas de Mondoñedo. Esta colaboración supón un investimento de 20.000 euros por parte do organismo provincial, convertendo así á Deputación no principal patrocinador desta cita.

As Feiras e Festas das San Lucas celébranse en Mondoñedo dende o ano 1.156, e están consideradas as máis antigas de Galicia e unha das máis antigas de Europa. O cabalo é o protagonista indiscutible desta cita, que comeza o 17 de outubro a partir das 18:45 horas, coa baixada dos cabalos dos montes de Mondoñedo, que percorren as rúas céntricas da cidade, ata chegar á Praza da Catedral, para despois rematar nos Remedios, onde se celebra a feira. 

Este ano a organización ten previsto repartir preto de 8.000 euros nas máis de 50 categorías de premios que se reparten entre a gran Feira tradicional de gando que se celebra o 18 outubro no Campo dos Paxariños; e no Recinto da Granxa, que acolle o concurso de andadura galega. O sábado 21 de outubro, celebrarase a gran final da Copa Galicia de cabalos e eguas de Pura Raza Galega, onde tamén haberá espectáculo de doma e sinfonía ecuestre. Para clausurar, o 22 de outubro terá lugar o concurso de cabalos trotóns.