Buscar/Hemeroteca

viernes, 6 de octubre de 2017

Hosted buyers buscan empresas provedoras locais no Fairway, Forum do Camiño de Santiago

A segunda edición de Fairway, Forum do Camiño de Santiago, celebrarase no Palacio de Congresos e Exposicións de Compostela entre o domingo 12 e o martes 14 de novembro. Un evento que quere ser un punto de contacto para todo o sector profesional arredor do Camiño.

Xa confirmaron a súa presenza máis de 30 turoperadores de 14 países distintos: Colombia, Noruega, Irlanda, Brasil, Uruguai, Portugal, Nova Zelandia, Estados Unidos, Canadá, Arxentina, Reino Unido, Italia, Alemaña e España.

Estes hosted buyers buscan empresas provedoras locais e de distintos puntos das rutas para cubriren a súa demanda de produtos e servizos, polo que as xuntanzas con elas, no denominado workshop, teñen un carácter marcadamente executivo.

Ademais, e do mesmo xeito ca un grupo de xornalistas especializados, os hosted buyers realizarán distintos viaxes de familiarización, nos que visitarán tramos do Camiño Inglés e do Camiño Portugués.

Tralo éxito da súa primeira cita, celebrada no 2015, os seus organizadores aspiran a referendar o seu papel como punto de encontro dos profesionais que traballan arredor destas rutas. Para acadalo vai contar cun congreso aberto, formado por relatorios e mesas redondas sectoriais; unha feira profesional na que empresas e institucións poderán amosar os seus recursos e servizos; e o workshop xa apuntado que fornecerá reunións de intercambio comercial con destacados turoperadores internacionais.

Os organizadores queren salientar desta vez o papel dos vieiros que están bulindo e, para acadalo, prestan no seu concepto unha atención especial aos atractivos e problemáticas dos outros camiños distintos do Francés.

De xeito paralelo a Fairway, Forum do Camiño de Santiago, acontecerán unha serie de actividades de dinamización na capital galega, denominadas Fairway City.

Toda a información sobre este evento atópase no portal web www.fairwaysantiago.com

No hay comentarios: