"Escenarios da Prehistoria para visitar", en Gondomar

Ata o 12 de novembro o Auditorio Lois Tobío de Gondomar acolle a mostra "Escenarios da Prehistoria para visitar", composta por trinta e sete paneis fotográficos complementados con debuxos e paneis explicativos amosan a riqueza patrimonial arqueolóxica da provincia de Pontevedra.

As fotografías da mostra amosan as mámoas, menhires, castros e petróglifos máis senlleiros da provincia, e están complementadas con ilustracións de gran formato que amosan como se construíron eses lugares ou como se tallaron diferentes ferramentas esenciais para a supervivencia daqueles antigos poboadores do noso territorio. 

Así mesmo, diferentes textos presentes tamén na sala darán resposta ás preguntas mais frecuentes sobre os lugares fotografados. Cada fotografía vai acompañada dunha cartela que indica o nome do elemento arqueolóxico, a súa localización, superficie, a descrición técnica, a súa función e importancia histórica, a data de construción e o estado actual de conservación.

A mostra foi inaugurada polo rexedor da localidade, Juan Francisco Ferreira, pola concelleira de Cultura, Nuria Lameiro, e polo deputado provincial de Cultura e Lingua, Xosé Leal. "Esta exposición está directamente relacionada con unha das disciplinas que queremos poñer en valor neste Ano do Patrimonio, como é a preservación do patrimonio arqueolóxico, e que ademais ten unha conexión moi profunda co Concello de Gondomar, onde temos unha importante representación de elementos arqueolóxicos" sinalou Xosé Leal durante a apertura da mostra.