Cuarta edición de "Gastroarte" no San Froilán

En Lugo, na rúa Puro Cora, está instalada a cuarta edición de Gastroarte, a feira de artesanía e gastronomía que pon en marcha o Concello para promover os produtos autóctonos, tanto gastronómicos como artesáns, aproveitando a gran afluencia de visitantes á capital ao longo dos días de celebración do San Froilán, Festas de Interese Galego e Nacional.

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, coincidioron en destacar que se trata dunha cita para recuperar o ambiente da feira tracional, orixe do San Froilán, convidaron a lucenses e visitantes a mercar no Gastroarte, onde atoparán "productos dos nosos, dos de calidade".

Gastroarte acolle distintos postos de artesanía, co traballo de artesáns de varios puntos de Galicia e incluso de fóra da comunidade, e co mellor da gastronomía para os palais máis exquisitos, pois participan produtos de calidade diferenciada, recoñecidos como IXP, DOP ou con certificacións de agricultura ou producción ecolóxica.

Nesta edición, Gastroarte conta con 24 postos distintos que estarán abertos ata o 15 de outubro, dentro do propio feiral, en horario de mañá e de tarde.