A Deputación de Lugo colabora coas VI Xornadas Técnicas de OVICA

Goberno Provincial de Lugo converte á Deputación na principal administración colaboradora das VI Xornadas técnicas do ovino e cabrún, organizadas, entre outros, pola Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia (OVICA), que tiveron lugar nas aulas de formación da Granxa Gayoso Castro e coas que colabora a institución lucense cunha achega económica de 3.000 euros. A Xunta de Galicia achega 1.500 euros.

Participron nesta cita o Deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos, e o Deputado de Medio Rural e do Mar, Lino Rodríguez Ónega. Santos Ramos quixo recoñecer a labor desta asociación por dar máis visibilidade a este sector, en clara defensa dos produtores galegos e, polo tanto, lucenses. A actividade sostida de OVICA é de vital importancia tanto por desenvolverse nun entorno eminentemente rural, como por potenciar nun sector como é a cría e explotación do gando ovino e caprino.

O Deputado destacou que “na provincia de Lugo hai ao redor de 6.700 explotacións de gando ovino e cabrún, o que representa un 30 % do total de explotacións galegas, unhas 21.700. Do total, 67 son de entre 100 e 249 animais e 14 máis de 250 animais, o resto, son agrupacións familiares que non chegan ás 100 cabezas de gando. É por iso que, dende este Goberno, colaboramos con OVICA en diversos proxectos, dentro da nosa aposta por unha Deputación social, rural e coas persoas. Pero a pesares disto, a produción cabruna e ovina precisa dun maior compromiso das administracións competentes para conseguir un desenvolvemento en condicións deste sector que, a diferenza do vacún ou do porcino, non conta co impulso do que precisa”.

Santos Ramos destacou que o Goberno Provincial colaborou estreitamente con dita asociación para a creación da marca da garantía Pastores de Galicia, que conta, hoxe en día, con 14 produtores adheridos. Trátase dun distintivo para recoñecer o valor do “año e cabrito do país” producido en Galicia dun xeito artesanal e propiciar a profesionalización de todo o sector, de xeito que os gandeiros e gandeiras acaden unha maior renda, que poida repercutir en novos investimentos nas súas granxas. Tamén, a TIC da Deputación, foi a encargada de elaborar o vídeo que promociona esta marca, que foi gravado en explotacións de Friol e Guntín. Nel, amósase o xeito especial de crianza e alimentación natural baseado no pastoreo, que empregan os criadores lucenses integrados nesta marca.