A Deputación da Coruña sinaliza o patrimonio histórico-artístico da provincia

A Deputación da Coruña licita, por 55.000 euros, a construción e instalación de once monolitos para sinalizar o seu patrimonio histórico-artístico. O presidente da institución, Valentín González Formoso, enmarcou este investimento no "importante esforzo económico para a conservación e promoción do seu patrimonio" que leva a cabo a institución provincial, incluíndo a realización de visitas guiadas, o servizo de transporte gratuíto ou a colaboración en eventos que promovan o turismo.

Neste sentido, González Formoso destacou que a nova sinalización "contribuirá a mellorar a identificación dos enclaves máis singulares do patrimonio provincial", e vinculalos coa imaxe corporativa da Deputación.

O servizo Arquitectura da institución provincial xa deseñou os monolitos, que consistirán nunha base de granito silvestre de 90 centímetros de altura, sobre a que se colocará unha placa metálica. Nesta superficie, cortarase a láser unha representación da silueta ou do elemento máis simbólico e representativo de cada monumento e o logotipo da Deputación, co obxectivo de unificar a sinalización.

Estes novos monolitos colocaranse no Mosteiro de Caaveiro (A Capela), o Pazo de Mariñán (Bergondo), a casa de Wenceslao Fernández Flórez (Cambre), o Castelo de Vimianzo, os Batáns do Mosquetín (Vimianzo), Forno Novo (Buño), as Torres do Allo (Zas) e de Altamira (Brión), e nos dólmens de Dombate (Cabana de Bergantiños), Axeitos (Ribeira) e Cabaleiros (Tordoia).

Este patrimonio constitúe ademais un gran polo de atracción de visitantes. Só no mosteiro de Caaveiro, situado nas Fragas do Eume, rexistráronse 44.475 visitantes no ano 2016. Unha afluencia de turistas que vai en aumento, posto que no que vai de ano 2017 xa se superou esta cifra.

O segundo enclave do patrimonio provincial por número de visitas é o Dolmen de Dombate, que recibiu preto de 25.000 visitantes o ano pasado. Así mesmo, outros enclaves coma as Torres do Allo, o Forno de Forte ou o Castelo de Vimianzo reciben unha gran afluencia de visitantes, sobre todo durante as distintas actividades e feiras que se realizan neles.