Buscar/Hemeroteca

miércoles, 6 de septiembre de 2017

Xornadas informativas da carne de Vacún de Galicia

O Consello Regulador das IXPs de Carne de Vacún de Galicia, constituído a finais do pasado mes de xuño, inicia unha serie de charlas para achegarlles aos produtores información práctica sobre normativa, vantaxes, procedemento, características dos animais amparados e outros aspectos de interese. O director técnico e o secretario executivo do Consello Regulador, Antonio Xende e José Gómez, serán os encargados de informar in situ. 

A rolda de sesións terá lugar en colaboración coas cooperativas CLUN (integrada por Feiraco, Os Irmandiños e Melisanto) e Almoga no marco das súas xornadas sobre comercialización de vacún co seguinte calendario: Mércores, 6 de setembro en Ribadeo e Melide; Luns,11 de setembro en Pontemaceira-Ames; Xoves,14 de setembro en Vilalba.

A finalidade deste novo selo de calidade é protexer, preservar e poñer en valor a carne fresca de calidade procedente das vacas e bois que se producen en Galicia, baixo a Indicación Xeográfica Protexida Vaca e Boi de Galicia. Esta carne procederá das principais razas existentes na nosa comunidade, como son a Rubia Galega, Morenas Galegas (Cachena, Caldelá, Frieiresa, Limiá e Vianesa), Asturiana dos Vales, Limusina, Rubia de Aquitania, Frisona e Pardo Alpina. 

Esta carne deberá presentarse refrixerada para cumprir as normas da IXP, sen que poida ser conxelada ao longo do proceso de obtención e comercialización. A vaca caracterizarase por ser unha femia que tivese polo menos unha xestación antes do sacrificio. O boi debe ser un macho castrado antes do ano de vida e que supere os 48 meses de idade ao sacrificio. 

A IXP abarca a totalidade do territorio galego. Os animais deben nacer, criarse, engordarse, sacrificarse e despezarse en Galicia, co obxectivo de preservar a especificidade e controlar as condicións de obtención do produto. Cada fase produtiva e tipoloxía animal comercializarase cunha etiquetaxe específica que favorecerá a súa identificación no mercado. 

A posta en marcha deste novo indicativo de calidade para o sector de vacún de carne de Galicia, sumada ao selo Ternera Gallega, permitirán mellorar a transparencia comercial e as garantías que se lles ofrecen aos consumidores en canto á calidade e á orixe do produto, como factores de innovación que a súa vez respectan a tradición. A medio prazo está previsto que se acollan á nova IXP Vaca e Boi de Galicia preto de 10.000 explotacións gandeiras, se certifiquen anualmente cerca de 30.000 canais e se comercialicen arredor de 10.000 toneladas de carne de vaca e de boi de calidade.

No hay comentarios: