Buscar/Hemeroteca

martes, 5 de septiembre de 2017

Vicus Spacorum en Navia

Durante a presentación de Vicus Spacorum, a festa de ambientación celta-romana que se desenvolverá os días 16 e 17 de setembro no Parque de Navia,  o alcalde de Vigo, Abel Caballero, cualificou a cita como "un dos grandes eventos culturais da cidade" e que encherá o Parque de Navia con diferentes actividades. "Imos ter unha grande mobilización", adiantou, referíndose ao éxito de público nos últimos anos e destacou que o evento "poña en valor a tradición romana de Vigo, cuxos vestixios aparecen cada vez con máis forza". Así convidou a toda a cidade a gozar do conxunto da festa para presenciar e gozar da vida diaria. 

Con propostas para todos os públicos, dende loita de gladiadores ou xogos celtas a actividades de escavación e ata un enlace romano. Ao longo dos máis de 10.000 metros cadrados do evento haberá un poboado romano e outro celta, con exposicións talleres e actividades da súa temática. Estarán unidos polo foro romano onde se asenta o mercado con propostas de artesanía, gastronomía, animación de zancos celtas, bandas de gaitas e os desfiles romanos. 

No anfiteatro desenvolveranse actuacións de humor, a loita de gladiadores, maxia romana e contidos didácticos e haberá tamén novidades como o Harpastum, un xogo de pelota que se celebrará o domingo ou un enlace romano, que poñerá o broche final ao evento.

Na presentación estiveron tamén Jacinto Fernández, presidente da Asociación de Comerciantes de Navia, e Rodrigo Vázquez, coordinador de Vicus Spacorum, que apuntou que apostan por contidos moi amplos aptos para tódolos públicos, con especial atención ás familias e actividades de participación e aprendizaxe.

f_xornal.vigo.org 

No hay comentarios: