TURISMOFOBIA COMO SÍNTOMA

O criminal atentado do 17 de agosto na Rambla de Barcelona neutralizou o impacto das primeiras expresións de turismofobia en forma de airadas e minoritarias reaccións contra os visitantes e contra algúns efectos indesexados da itinerante masificación na capital catalana e en puntos concretos das Illas Baleares, o País Valenciá e o País Vasco.

Que algúns efectos da resistible presenza dos turistas en cidades e zonas determinadas conlevan complicacións e aínda incomodidades para os lugareños é incuestionable. Pero non se eliminarán pola vía de intentar intimidar aos visitantes, creando un problema no canto de aportar alguna solución. Non ha ser este o xeito de remediar a masificación nos destinos turísticos máis populares nin a indisimulada obsesión polo negocio, en non poucos casos a calquera prezo, máis ben baixo.

Cuestión moi diferente será o tratamento necesario para reordenar o mercado turístico, obxectivo que debería pasar, entre outras, por unha máis racional regulación dos servizos, a aprobación dalgúns impostos selectivos e moderados e campañas para diversificar a oferta, actuando asemade contra os efectos perversos do fenómeno en mercados como o inmobiliario.

O tratamento referido require, igual que noutros sectores, diálogo sincero e cooperación decidida entre as administracións e os axentes económicos. Falamos dun asunto de maior contía, un sector, o turístico, que supón no total español, tamén en Galicia, algo máis do 11 por cento do PIB. Unha fonte de ingresos non só relevante, senón irrenunciable, aínda máis á vista dos durísimos e prolongados efectos dunha crise económica pertinaz.

¿E GALICIA?

Os comportamentos negativos que aquí denunciamos non teñen, ata o momento, presenza actuante en Galicia. Tampouco non pode argumentarse que a masificación predomine, pero alguna excepción hai e está a falarnos da necesidade de ir apostando por outras maneiras de promocionar, xestionar e acoller aos visitantes. Un obxectivo, polo demais, defendido e reiterado por HG&T ao longo de dúas décadas.

Se de masificación falamos aparece deseguida Santiago de Compostela, onde os turistas se suman aos peregrinos. Non ha ser difícil regular mellor as avalanchas en períodos e datas moi concretas. A regulación estricta revelouse necesaria para canalizar e limitar a moi alta demanda de visitas á Praia de Augas Santas (As Catedrais) no municipio de Ribadeo na Mariña de Lugo.

E a reordenación, e poida que algunha dura medida sancionadora, será imprescindible para impedir os reiterados incumprimentos e abusos das empresas concesionarias do traslado de visitantes ás illas Cíes, vixías da ría de Vigo.

Os datos macroeconómicos non o resolven todo. Certo é que non se fan palleiros sen palla e que Galicia recibiu no que vai de ano 2,5 millóns de visitantes (un 5% máis que o anterior) e contabilizou 3,6 millóns de pernoctacións (un 8% máis). Os visitantes deixaron aquí 478 millóns de euros (un 15% máis que no 2016).  Trátase, entendemos, de non morrer de éxito nin de apedrear o tellado de noso.

Trátase de estarmos atentos á evolución dos feitos e das tendencias dun mercado en boa parte gregario e cautivo do low cost. Semella un feito que unha mellor xestión deste fenómeno de masas -e un máis decidido e efectivo compromiso da Xunta de Galicia co sector turístico-hostaleiro- evitará problemas sociais, eliminará impactos medioambientais indesexados e axudará a promover respostas e resultados positivos sen renunciar a un recurso irrenunciable. A ver se hai sorte e acerto.

X.M. Palmeiro