Pontevedra rexistra en agosto máximos históricos de ocupación

A provincia de Pontevedra rexistrou en agosto datos de ocupación históricos ao ser os mellores desde que existen rexistros. Segundo informou a presidenta da Deputación de Pontevedra, os datos de Turismo Rías Baixas confirman que o mes de agosto pechou cunha ocupación hoteleira media provincial do 91,11 %, "é dicir, case 12 puntos por riba do previsto e 2 puntos por riba dos resultados obtidos no mesmo mes do 2016, cando a ocupación acadou o 89,2 %". 

Estes resultados, tal e como asegurou Carmela Silva, "xa nos sitúan como a cuarta zona turística con maior auxe en España, con pernoitas que medraron, no primeiro semestre do ano, un 3,7 % e visitantes que tamén o fan un 9 %, o que nos sitúa como a provincia galega máis atractiva xa que estamos a recibir ao 40 % das persoas visitantes que elixen Galicia como destino".

Carmela Silva co deputado de Turismo
A comarca do Salnés rexistrou unha ocupación hoteleira do 95,12 %, sete puntos por riba que agosto de 2.016, cando a porcentaxe acadou o 88 %. No caso desta comarca, a presidenta provincial subliñou que os hoteis de catro estrelas acadaron o 100 % da ocupación e que vilas como Sanxenxo ou O Grove superaron en catro puntos o rexistrado en agosto do ano pasado.

Na comarca de Pontevedra, segundo as estimacións de Turismo Rías Baixas, prevíase unha ocupación superior ao 80 %, "e foi do 92,25 %, máis de doce puntos por riba que os obtidos en agosto de 2.016 e tamén doce puntos máis do previsto.

Para a comarca do Morrazo se agardaba unha ocupación do 86,7 % e finalmente se chegou ao 97,6 % o que supón once puntos por riba das estimacións realizadas a comezos de verán por Turismo Rías Baixas e case oito puntos máis que o acadado en agosto de 2.016. Na mesma liña aconteceu na comarca de Caldas, onde se esperaba unha porcentaxe do 81,53 % e se superou o 91,72 %, é dicir, once puntos máis do previsto.

Pola súa banda, a comarca de Vigo rexistrou unha ocupación hoteleira do 93,5 %, é dicir, máis de 8 puntos por riba do estimado a comezos de verán e case seis puntos máis que os resultados obtidos en agosto de 2.016, cando se chegou ao 88 %. No caso desta comarca, a presidenta da Deputación de Pontevedra informou que durante os días nos que se celebrou o Festival do Marisquiño a ocupación foi do 100 % en Vigo e en toda a súa comarca. Ao respecto, Silva tamén deu a coñecer que o sector turístico da comarca "cualifica o mes de agosto como histórico e adianta que na primeira quincena de setembro agardan superar o 70 % de ocupación".

No Baixo Miño, a ocupación hoteleira foi do 90,3 % o que supón case catorce puntos máis do estimado. Un resultado similar se obtivo nas comarcas do Condado e A Paradanta nas que, co 84,75 % de ocupación hoteleira, se superaron en trece puntos as previsións efectuadas por Turismo Rías Baixas a comezos de verán.

En canto ás comarcas do Deza e Tabeirós-Terra de Montes, a Deputación de Pontevedra estimaba unha ocupación do 68,75 % e finalmente a porcentaxe ascendeu ao 83,6 %, é dicir, case quince puntos por riba do previsto e acadando resultados similares a agosto do 2.016.