
Do coñecido Tesouro de Caldas se conserva un peite, tres vasos -dous con decoración xeométrica incisa-, vinte e oito argolas-lingote macizas, tres lingotes-barra e seis anacos dunha lámina de tiras, todo o cal superaba en orixe os vinte e cinco quilos de peso -dos que se conservan 14,9- .
Para o MAN envíanse as nove pezas máis significativas do conxunto, seleccionadas entre o arqueólogo do Museo, Antonio de la Peña, e o comisario da exposición, Gonzalo Ruiz Zapatero. As nove pezas seleccionadas, todas de ouro, son dúas cuncas, unha xerra, catro aros, unha espiral e o peite.
"A participación nesta mostra sírvenos para visibilizar fóra unha parte significativa do noso patrimonio, que tamén vai funcionar como polo de atracción para novos visitantes e ampliar o coñecemento sobre o Museo" engade Xosé Leal.
A exposición coa que o MAN celebra o 150 aniversario leva por título "El poder del Pasado" e permanecerá aberta entre o 3 de outubro de 2017 e o 1 de abril de 2018. Segundo indica a propia institución, con esta mostra pretenden sacar á luz o proceso de construción da arqueoloxía estatal, a través de 150 obxectos ou conxuntos, procedentes de 68 institucións colaboradoras e considerados verdadeiras iconas do pasado.
A proposta expositiva busca plasmar unha visión xeral, actualizada e crítica da construción do pasado desde a arqueoloxía. Indican, ademais, que o comezo da vida do MAN, en 1867, así como dos museos arqueolóxicos no territorio do Estado, marcou un momento transcendental no espertar da conciencia pública sobre a importancia do pasado a finais do século XIX e comezos do XX.
No hay comentarios:
Publicar un comentario