O Mirador de Mondoñedo, en vías de transformarse nun albergue

O Executivo da Deputación de Lugo vén de aprobar na Xunta de Goberno, a subvención para iniciar o proxecto de reconversión do Mirador de Mondoñedo nun albergue, que contribuiría notablemente a mellorar a calidade asistencial aos peregrinos coa creación desta instalación na cidade mindoniense. Para estes traballos será necesaria a contratación de 20 desempregados: os 16 alumnos do obradoiro; así como 1 arquitecto, 2 monitores en albanelaría, e 1 administrativo. 

Trátase da única acción formativa que a Xunta de Galicia resolveu favorablemente, das 6 solicitadas polo Goberno da Deputación (3 obradoiro de emprego e 3 programas mixtos). Son, polo tanto, 5 as iniciativas en impulso do emprego na provincia as que denegou a Xunta, coas que se podería facilitar a inserción de 80 parados lucenses máis.

“Con este proxecto o que buscamos é ofrecer formación e prácticas remuneradas a desempregados da provincia, facilitando a súa inserción no mercado laboral, ao tempo que reforzamos a prestación de servizos públicos municipais esencias, neste caso, no eido das infraestruturas, recuperando o patrimonio de todos os lucenses”, apuntou.

A posta en marcha desta infraestrutura contribuirá a mellorar a calidade asistencial aos peregrinos coa creación desta instalación na cidade de Mondoñedo. Actualmente o albergue municipal só ofrece 24 prazas, e en temporada alta non da atendido á demanda de usuarios. Hai que lembrar que a UNESCO ven de nomear Patrimonio da Humanidade a Catedral de Mondoñedo e o Camiño Primitivo, un pulo importante que cada ano atrae a mais visitantes á Mariña de Lugo.