Lugo despunta no eido turístico

O turismo continúa coa súa boa dinámica en Lugo, onde se rexistraron unhas 18.000 persoas visitantes a Oficina Municipal de Turismo e os museos municipais. Concretamente, o centro de atención aos turistas da Praza do Campo atendeu o pasado mes preto de 4.000 persoas máis que en xullo, e os museos municipais, un 9% máis que hai un ano.

Así o deu a coñecer a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, quen celebrou estas cifras, satisfeita polas visitas que viviu o municipio o pasado mes e por contar cunha amplia oferta cultural no verán, baixo o nome de Ágora Cultural, capaz de dinamizar Lugo tanto cultural como turísticamente.

A cidade luguesa, un verán máis, continúa sendo un referente para os turistas nacionais, avanzou Basadre, ao tempo que sinalou que o 90% dos visitantes atendidos na Oficina Municipal de Turismo eran españois. Un mes máis, os madrileños continúan estando á cabeza, con máis de 2.100 visitantes, seguidos dos cataláns (1.266). Tamén destacan as visitas dos viaxeiros procedentes de Andalucía (1.096). Das e dos turistas estranxeiros destacan os chegados de Francia, Portugal e Italia, tal e como explicou a edil, quen subliñou que tamén visitaron a cidade portugueses, arxentinos, estadounidenses e xaponeses.

En canto aos museos, a Casa dos Mosaicos continúa a ser a máis visitada, con 3.715 persoas, un 10% máis que o mesmo mes do ano pasado, seguida da Domus do Mitreo, con 2.320 visitas (cun incremento dun 11%) e a Sala de Exposicións de Porta Miñá, máis de 600 visitas (un 17,5% máis). Ao MIHL e ao Centro Expositivo de San Roque chegáronse unhas 535 e 205 persoas, respectivamente.