Festa da Filloa en Valongo

A parroquia de Valongo vai celebrar mañá sábado a XXXIX Festa da Filloa, a cita gastronómica máis antiga do Concello de Cerdedo-Cotobade e na que se servirán 5.000 filloas para os milleiros de visitantes que se agardan nesta edición que, como é habitual, enmárcase nas festas patronais da Virxe do Libramento.

Os festexos foron presentados esta mañá polo presidente municipal, Jorge Cubela, e representantes da comisión organizadora. Explicaron que o certame culinario comezará ás 18.00 horas e contará coa participación de vinte filloeiras, que competirán polos distintos premios. Cómpre lembrar tamén que as filloas poranse á venda a un prezo de 50 céntimos a unidade.

Polo demais, os organizadores indicaron que están “moi ilusionados” con esta cita, pero aínda máis coa 40ª edición que se celebrará en 2018. Deste xeito, anunciaron que haberá “moitas sorpresas, festa rachada e un amplo programa” para conmemorar as catro décadas de vida. Cubela felicitoulles pola “longa traxectoria” desta festa e por tela convertida “nunha importante referencia gastronómica das Terras de Pontevedra” ao tempo que lles brindou “todo o apoio necesario” desde o Concello.

En canto ás festas da Virxe do Libramento, arrancan esta noite ás 20.00 horas cunha gran churrascada con rosca e queimada e coas actuacións de La Clave e a discoteca móbil La Mega. Ademais, sortearase un abanico de bolillos, unha fin de semana na Illa da Toxa e un xamón.

Xa mañá, haberá un pasarrúas dos Afoutes do Canón de Pau, misa solemne ás 13.00 horas e posterior actuación deste grupo. Pola tarde, e tras a Festa da Filloa coa charanga Charandonga, haberá animación infantil co contacontos Codio e Miolo e verbena coas orquestras Bambolea e Ritmo.

Para finalizar, o domingo haberá desfile da Unión Musical de Tenorio e concerto desta banda tras a misa solemne das 13.00 horas.