O Camiño Inglés a Compostela ten o seu quilómetro cero no peirao de Curuxeiras, en Ferrol Vello, onde esembarcaban historicamente desde o Medievo os barcos para os camiñantes que chegaban do Norte e do centro de Europa pola vía marítima. Neste punto comeza en Ferrol unha peregrinación que cruza por outros 17 municipios da provincia.
A Oficina de Atención ao Peregrino de Ferrol contabilizou un total de 2.694 peregrinos nos meses de xullo e agosto deste ano 2017. A súa procedencia foi mais internacional que estatal, destacando particularmente a presenza de italianos (800), seguidos de cidadáns de Reino Unido, Estados Unidos e Alemaña.
O Goberno de Ferrol estima que esta corrente ascendente na chegada de peregrinos a Ferrol pola vía do Camiño Inglés contribúe ao desenvolvemento económico da cidade e pula pola consecución dun albergue no antigo edificio de Aduanas, da fachada marítima tratando de implicar, tamén, a Deputación provincial.
A Concellería de Turismo do Concello de Ferrol, a través da Empresa Mixta, vai facer fincapé nos vindeiros meses na promoción do Camiño Inglés por distintas vías, unha das liñas de acción pasa por informar aos cruceristas sobre o Camiño Inglés, con guías oficiais de turismo ataviados ao xeito dos peregrinos como reclamo.