Exposición das Palmeiras, un paseo pola vida do parque pontevedrés en 200 imaxes

Os arredores do estanque das Palmeiras, en Pontevedra, converterase, a partir do venres 15 de setembro, nunha sala de exposicións ao ar libre. Ese día, ás 19 horas, inaugurarase unha mostra de 200 fotos achegadas polos veciños e veciñas da cidade que dan conta da evolución deste espazo emblemático da cidade e tan importante na vida sentimental de tantos pontevedreses e pontevedresas.

O catálogo da mostra inclúe un percorrido histórico polo espazo que hoxe ocupa As Palmeiras dende que se chamaba o Campo da Verdade, hai 800 anos, por ser o lugar onde se executaban os reos. Detense na significativa transformación que a cidade experimentou no século XIX e principios do XX co derrubamento da muralla ata chegar a onte mesmo, cando a rúa Gutiérrez Mellado toma a testemuña da senlleira avenida das Palmeiras para continuala ata as portas do Centro Histórico.

Tamén inclúe un detallado plano do parque que recolle as 44 especies distintas que se distribúen nos parterres deste cuadrilátero que conforma o xardín histórico máis importante da cidade. Hai unha pequena referencia á iniciativa de Meli Fandiño de promover a exposición fotográfica con sabor a anos 50 e 60 que protagoniza a actual exposición, e tamén unha semblanza do mural “Eterno Retorno” co que se cubriu o pombal de cabo do estanque.