Curtocircuíto en Santiago do 1 ao 8 de outubro

A vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, xunto co alcalde de Santiago, Martiño Noriega, o xerente de Agadic, Jacobo Sutil e o director do festival, Pela del Álamo, participaron na presentación dunha nova edición de Curtocircuíto, o festival audiovisual que se desenvolverá en Compostela do 1 ao 8 de outubro.

A vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, destacou a "solidez e fidelidade" do público de Curtocircuíto, unha aposta singular polo audiovisual cun formato múltiple que convoca distintas disciplinas artísticas e formatos diversos.

Na súa intervención, Goretti Sanmartín destacou o compromiso da Deputación da Coruña cos festivais que se organizan tanto desde os concellos como desde as entidades para os que se promoveron dúas liñas de subvencións en concorrencia competitiva que incrementaron neste ano os seus orzamentos. 

"En total, a Deputación da Coruña destina un millón de euros a festivais o que dá conta súa relevancia, como escaparates culturais e na busca de novos públicos", sinalou Goretti Sanmartín que destacou o apoio a Curtocircuíto –ao que a Deputación destina 90.000 € nesta edición- e a outros eventos, ademais de Cineuropa de Santiago, como o Festival de curtas de Noia, o Interplay de Carballo ou o Chanfaina Lab. "Trátase dun sólido grupo de festivais que dan conta de que estamos nun momento en que a cultura está na vangarda, ofrecendo novas propostas de interese e acadando novos públicos", sinalou Goretti Sanmartín.