Chega unha nova edición do Street Market en Lugo

Uns 110 establecementos da cidade de Lugo ofrecerán este venres, 8 de setembro, descontos de máis do 80% na undécima edición do Comercio na Rúa-Street Market, unha xornada comercial organizada pola Asociación de Autónomas de Lugo. Concello e Deputación de Lugo apoian de novo ao comercio local lugués nesta cita, que foi presentada pola Alcaldesa Lara Méndez, a Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Mayra García, e a presidenta do colectivo organizador, Marta López.

Lara Méndez asegurou que ao Goberno de Lugo "nos gusta potenciar o comercio local, posto que é un comercio de proximidade, de calidade e amable" e xa que se trata dun sector "que xera o 14% do PIB e o 16% dos postos de traballo do municipio, o que da boa mostra do seu impacto social".

Pola súa banda, a deputada sinalou que "coa colaboración da institución provincial e da TIC queremos contribuír a impulsar a vida comercial no centro da cidade. Hai que ter en conta que o sector do comercio da emprego a unhas 12.500 familas da provincia, nos máis de 5.000 establecementos que se distribúen no conxunto do territorio lugués, cunha media de 2,5 persoas traballadoras por negocio".

No XI Street Market participará unha ampla representación do comercio de proximidade de Lugo: textil, calzado, regalo, fogar, xoiería, peletería, decoración, eventos, mercería, perfumes, deporte, herboristería e golosinas, entre outros.