Buscar/Hemeroteca

jueves, 7 de septiembre de 2017

Certame-Exposición de Gando Vacún en Pedrafita do Cebreiro

Pedrafita do Cebreiro acollerá o domingo 17 de setembro unha nova edición do tradicional Certame-Exposición de Gando Vacún promovido conxuntamente polo concello da citada localidade e a Deputación de Lugo. Trátase dunha iniciativa de impulso ao sector gandeiro e do rural na que prevese a participación de 40 gandeirías das provincias de Lugo e de León, que exporán 300 reses. Haberá unha poxa de xovencas e xatas preñadas cuxos prezos oscilan entre os 1.200 e 2.000 euros. 

No concurso participarán 300 reses de 40 ganderías procedentes dos Concellos de Pedrafita, Folgoso do Caurel, A Fonsagrada, Samos, Triacastela, As Nogais, Vega De Valcarcel, O Corgo e Cervantes. Reses, tanto de raza Rubia Galega, como Asturiana, poderán tomar parte no certame, no que se valorará a conformación morfolóxica e o potencial de carne e reprodución dos animais.

A inscrición de máis animais pode facerse dende o día 11 ata o 15 de setembro por teléfono ou no mesmo día ata as 10:00 horas da mañá. Cómpre subliñar que o Concello ofrecerá aos gandeiros unha axuda de 20 euros por animal, ata un máximo de 10 reses, para sufragar os gastos de transporte.


A maiores das axudas para o transporte das cabezas, o Concello destinará 5.000 euros para os premios, que serán entregados, xunto cos correspondentes trofeos, aos propietarios dos animais vencedores nas diferentes categorías do concurso. Haberá premios aos mellores touros, vacas, xatos e xatas, cunha categoría especial para os exemplares destinados á produción cárnica, así como ao mellor lote de Rubia Galega, ao de raza Asturiana e para a gandeiría que máis animais presente.


Un dos grandes atractivos da xornada será a poxa de xovencas e xatas preñadas, inscritas no Libro Xenealóxico da Raza Rubia Galega, que presentará ACRUGA. Cada transacción oscila entre os 1.200 ata 2.000 euros por exemplar, posto que estes animais caracterízanse por posuír unha alta calidade xenética e reprodutiva.

No hay comentarios: