Alvedro incorpora unha nova ruta a Mallorca

O Concello da Coruña reforza a súa aposta por Alvedro tras o acordo con Vueling, que incrementa asentos nun 5%, mantén e optimiza as frecuencias a Barcelona e Valencia e consegue unha nova ruta a Mallorca. O concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, salientou o "destacable aumento" da oferta do aeroporto de Alvedro que, a partir do ano que vén, incrementará os seus asentos nun 5%, manterá o optimizará as frecuencias a Barcelona e Valencia e conseguirá unha nova ruta, neste caso a Mallorca que contará, a partir do mes de abril, con dúas frecuencias que se manterán todo o ano.

Lema manifestou que estas significativas melloras son posibles en base aos compromisos acadados coa compañía Vueling, coa que o Concello vén de establecer un novo convenio de promoción por valor de 1,5 millóns de euros. "Estamos satisfeitos porque, non só imos experimentar un importante crecemento da oferta e das rutas, senón que, ademais, acadamos un aforro importante con respecto aos investimentos que o anterior executivo realizaba en protocolos deste tipo", indicou Lema, que recordou que, nada máis chegar a María Pita, en 2015, "conseguiuse unha contención de gasto neste sentido que se traduciu nun aforro de 1,6 millóns de euros con respecto ao que o PP tiña proxectado gastar".