A estudo o aproveitamento do edificio que alberga o hotel NH Atlántico

O xulgado contencioso administrativo número 1 da Coruña de desestimou, nunha sentenza de primeira instancia, o recurso administrativo interposto pola sociedade que na actualidade posúe a concesión administrativa para o aproveitamento do edificio que alberga o hotel NH Atlántico, nos Xardíns de Méndez Núñez. 

Unha resolución da Concellería de Facenda, ditada o 11 de maio do pasado ano, que fixaba en agosto de 2018 a data de finalización da concesión vixente, xusto cando se cumpren 50 anos do período máximo de explotación que aparece recollido nos pregos. A firma decidiu recorrerla, vía xudicial pero o xulgado ampara a interpretación que no seu momento realizou o executivo local, que sitúa a data de inicio da concesión en 1968, tal e como ratifican numerosos arquivos fotográficos e xornalísticos da época. 

O alcalde, Xulio Ferreiro, manifestou que "aínda que a sentenza deba ser acollida con cautela por non ser firme, trátase dunha boa noticia xa que lle dá a razón ao Concello na súa defensa dos intereses municipais, o que é sinónimo de novas oportunidades para a cidade". "Hoxe en día, a cantidade económica que a sociedade Parisiana SA aboa ao Concello pola concesión administrativa que detenta é claramente insuficiente. Estamos falando de algo máis de 2.500 euros pola ocupación dun edificio público", comentou o rexedor, que indicou que, ademais, "este non é, nin moito menos, o prezo que, polo que semella, paga NH polo uso do edificio". "En resumo, hai unha empresa que realiza un labor, digamos, de intermediación, e que consegue un resultados de explotación moi satisfactorios, sen que iso teña unha repercusión para o Concello e, por tanto, para o conxunto da cidadanía".

En canto ao futuro deste espazo, situado nos Xardíns de Méndez Núñez, o primeiro edil insistiu en que a pervivencia da actividade hoteleira non está en cuestión, na medida en que este uso é de interese para a cidade e leva asociados unha serie de postos de traballo. "Unha vez resolta a cuestión da localización dunha residencia pública universitaria, cousa que se materializará no colexio Calvo Sotelo grazas ao un acordo entre Deputación da Coruña, a Universidade e o Concello, temos claro que a cidade segue a necesitar prazas hoteleiras, como puidemos ver moi ben tanto este verán como o anterior", mencionou o rexedor. "Os e as empregadas do hotel poden estar tranquilas, porque nós apostamos por manter este uso", dixo Ferreiro que, non obstante, destacou que si podería dotarse a algún dos espazos comprendidos na concesión dun uso público. "Imos ver como se compatibiliza, para o que abriremos un período de reflexión e estudo", subliñou. "O único interese é favorecer ao ben común e o conxunto da cidadanía", engadiu.