A Deputación da Coruña activa a nova plataforma de promoción turística

Un novo medio de promoción adaptado aos novos tempos e que inaugura a colaboración dixital cos concellos. Así é a nova plataforma de promoción turística que presentou o deputado Xosé Regueira que afortala o esforzo da área á hora de modernizar e profesionalizar o sector.

A páxina web, que xa está operativa na rede, ofrece unha parte pública orientada a fornecer información pública e unha interna de interacción entre o persoal técnico da Deputación e os concellos cun sistema de colaboración que se inaugura por primeira vez no sector en Galiza.

Xosé Regueira
Cun deseño sinxelo e poucos niveis de navegación para facilitar o seu uso, a páxina ofrece unha sección de actualidade e axenda, información dos seis xeodestinos, os bens patrimoniais, os distintos camiños ou os programas de promoción da Deputación como o de turismo escolar ou industrial.

Desta maneira, a plataforma web pretende afortalar e amplificar as páxinas dos concellos que as teñan así como dotar desta ferramenta aos que carezan dela. Regueira estivo acompañado na presentación da xefa de sección, Maite Loureiro e o técnico da empresa adxudicataria do concurso, Óscar Vázquez.

"O obxectivo principal é responder aos avances do século XXI e ofrecer unha plataforma interactiva que promocione os distintos destinos e sexa unha ferramenta de utilidade para os concellos", comezou defendendo o deputado responsábel da área de Turismo, Xosé Regueira que destacou o esforzo en investimentos que se está a desenvolver desde a área para conseguir unha oferta turística de calidade.

Neste sentido, Xosé Regueira lembrou na súa intervención o importante labor de actualización e mellora da administración en materia turística e de apoio aos entes de xestión que se manifesta, entre outras liñas de axuda, no financiamento na súa totalidade da incorporación de persoal técnico ás oficinas de información turística en 53 dos concellos da provincia, cun orzamento de 700.000 € que supón tamén un esforzo na creación de emprego no sector que se complementa coa liña de apoio a Museos e Centros de Interpretación ao que se destinaron 350.000 €. 

Ademais, a Deputación da Coruña colabora, a través das asociacións, mancomunidades e consorcios turísticos na mellora de calidade, competitividade e actividades turísticas achegando para este fin 560.000€ que se suman a colaboración en eventos de promoción turística como son o Fórum Gastronómico da Coruña ou o Fairway de Compostela aos que a Deputación destina 348.000€.
"