A concurso o deseño da nova ponte peonil sobre o Miño

O deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez reuniuse cos decanos e presidentes aos colexios e ordes de arquitectos e enxeñeiros galegos e portugueses e convidounos a participar no xurado do concurso de ideas que seleccionará a imaxe do viaduto que unirá o espazo da Fortaleza en Tomiño co espazo do Castelinho en Vila Nova de Cerveira para "crear o primeiro parque transfronteirizo ibérico".

Benítez explicou que o proxecto para a nova ponte peonil sobre o Río Miño é unha actuación incluída na proposta de Preservación e valorización do Río Miño Transfronteirizo ‘Visit Rio Minho' presentada á primeira convocatoria dos fondos europeos do Interreg VA-POCTEP, cun orzamento de dous millóns de euros e que obtivo un 75% do financiamento (1.500.000 euros) por parte do FEDER, que valorou positivamente a iniciativa. O organismo provincial xa puxo en marcha o concurso para a ponte, que ten o prazo de presentación aberto ata o 23 de outubro.

O procedemento para a selección da proposta gañadora pasará por tres fases: na primeira seleccionaranse as tres mellores ideas, que terán unha prima de participación de 10.890 euros cada unha; na segunda concursarase para desenvolver esas tres propostas finalistas e o gañador ou gañadora redactará o anteproxecto; na terceira fase analizarase a viabilidade da proposta (permisos, autorizacións e licenzas) e a redactarase o proxecto construtivo.

En canto á participación no xurado do concurso de ideas (que se formará nas vindeiras semanas), os organismos comprometéronse a designar un voceiro, que se sumará aos técnicos nomeados polo Concello de Tomiño, a Cámara de Cerveira, a Deputación e a CIM Alto Minho. Tamén se está a estudiar a participación de funcionarios de administracións que teñan que realizar informes vinculantes para a viabilidade do proxecto final (como a Dirección Xeral de Patrimonio).

"A creación do Europarque de Tomiño-Cerveira é unha vella aspiración. A finalidade desta actuación que promove a Deputación non é a construción dunha ponte en si, senón a creación dun grande espazo transfronteirizo para o que a ponte é un medio. A ambos lados do río hai espazos moi diferentes e complementarios e queremos crear un espazo único común que sexa un foco de atracción de turistas", subliñou Benítez para concluír a reunión.

f_ depo.es