39ª Semana Internacional de cine de autor de Lugo

A 39ª Semana Internacional de cine de autor de Lugo rende homenaxe ao mindoniense Victoriano López García, Fundador e Director do Instituto de investigacións e experiencias cinematográficas, e primeiro lucense en gañar un Premio Goya, no 50 aniversario do seu falecemento, a través do cartel oficial da Semana, así como a reposición dalgunha das súas películas nas distintas salas do Festival. Este ano o cartel anunciador da semana o realizou o pintor lucense LÁZARE.

As cintas foron seleccionadas tras recibir máis de 1.500 longas e curtas, de 65 países de todo o mundo, das que seleccionaron 93 para esta edición. Dentro da programación do festival, figuran 10 ciclos: Ciclo infantil, O mellor do ano, Sección Oficial, E para comer...Lugo, Arte de cine, Ciclo Cárceres, Grandes Historias, Cine Galego, Homenaxe a Victoriano López García, e Sección curtas de cine.

Todas as películas que se proxectarán na Biblioteca Municipal, Museo Provincial, MIHL, Vicerreitorado da Universidade (Casa do saber), Vello Cárcere, e no Pazo de San Marcos da Deputación de Lugo, serán totalmente gratuítas. As cintas no Auditorio municipal Gustavo Freire, terán un prezo de entre 3 e 5 euros, dependendo do ciclo.

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, presentou no Salón de Actos do Pazo de San Marcos, esta cita que organiza o Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá, do 18 ao 23 de setembro. Fíxoo xunto á Concelleira de Cultura, Carmen Basadre Vázquez; á Xefa da Area de cultura da Xunta de Galicia en Lugo, María José Gómez; ao Vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo da USC, Javier Bueno Lema; ao Presidente do Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá, Xulio Xiz Ramil; e ao Director da Semana Internacional de cine de autor, Manuel Curiel Fernández.

O Goberno Provincial é o principal patrocinador desta cita cinematográfica, pois colabora cunha achega económica de 35.000 euros, e a través da TIC, que elaborou un vídeo promocional para difundir o festival por toda a provincia. Pola súa parte, o Concello de Lugo, colabora con outros 18.000 euros.

Campos Conde puxo en valor “o traballo e o esforzo do Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá, para que este festival, consolidado no tempo, sexa unha cita referente, no eido cultural da nosa provincia, que repercute positivamente na economía e no turismo da cidade de Lugo, ao longo de toda a semana, que dura o festival. Dende o Executivo Provincial somos conscientes da importancia de apoiar e impulsar un sector tan importante e laureado da nosa provincia, como é o cinematográfico, que dá emprego a centos de persoas, todos os anos.”
O Presidente lembrou que “a Deputación de Lugo, é a única administración que achega, totalmente gratis, estudos superiores de comunicación, imaxe e son, na provincia, impartidos por profesionais, na escola da Fundación TIC, co obxectivo de que os nosos alumnos entren a traballar no mercado do audiovisual”.

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, fixo alusión ao intenso mes cultural no Concello de Lugo, posto que, nestes momentos estase a celebrar o concurso de tapas, e despois entrará en escena esta Semana de Cine de Autor, xusto antes da celebración das Festas de San Froilán. A edil quixo facer fincapé nas seccións deste ano adicadas ás mulleres, á diversidade ou á gastronomía, invitando aos moitos amantes do sétimo arte a gozar da coidada selección de películas e curtas nesta 39ª edición. Como novidade, este ano faranse pases no auditorio do Vello Cárcere.