Tentacle Summer Fest en Foz

A Deputada de Cultura, Deseño e Artesanía da Deputación de Lugo, Pilar García Porto, o Alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira, e o produtor KiKo López, presentaron en Foz, o Tentacle Summer Fest 2017, o festival de música house que terá lugar os días 18 e 19 agosto nesta vila lucense. O Goberno da Deputación contribúe ao financiamento deste evento musical, na produción do mesmo.

García Porto destacou que “dende o Goberno da Deputación apostamos por estas iniciativas que contribúen a dinamizar as nosas nas vilas, sendo un importante revulsivo económico e turístico para a Mariña, pois esperase preto de 1.300 visitantes para asistir a esta nova edición. Esta iniciativa enmárcase na aposta do Goberno da Deputación coa cultura na nosa provincia, pois achegamos gratuitamente a todos os veciños, programacións musicais de todo tipo de xéneros, como o Ressurrection Fest, o Festival de Blues, o Lugo Ágora Son ou o MusicAD, estimulando e activando a vida dos nosos municipios”.

Avanzou ademais que o organismo provincial colabora con outras iniciativas musicais da vila de Foz como o festival “Coa nosa fala”, que se acaba de celebrar, e que foi un éxito rotundo, ou o certame de Voces Xóvenes. “Estas actividades contribúen a promocionar a nosa lingua, a nosa cultura, e ao mesmo tempo dinamiza a axenda cultural e festiva deste Concello, onde nesta época é visitado por milleiros de visitantes”, resumiu.

Javier Castiñeira agradeceu a implicación da Deputación neste evento, e convidou a todos os visitantes a achegarse a Foz, “para desfrutar da musica house,e ao mesmo tempo visitar as nosas praias, degustar a nosa gastronomía, e tamén coñecer de preto o noso rico patrimonio natural e cultural”. Sinalou que o entorno onde se celebra este evento, a ría de Foz “é un espazo privilexiado, onde ademais de gozar da música, pode contemplarse ás vistas ao mar, o que o converte a este festival nunha experiencia única”.