Ourense máis turística

A cidade de Ourense como destino turístico está gañando enteiros neste verán: Do 1 ao 17 de agosto, a Oficina de Turismo do Concello de Ourense atendeu 4.837 visitantes, un 26% máis que no mesmo período de 2016 (foron 3.840). A maior parte dos visitantes proveñen de diferentes puntos do estado español (4.097), do continente europeo (443), América (83) e outras partes do mundo (21).

Os datos de xullo xa viñan avanzando o repunte dos visitantes á nosa cidade. Só no mes pasado visitaron un total de 4.812 persoas a Oficina de Turismo na procura de información; 1.018 máis que no mesmo período do ano anterior . As perspectivas para o mes de agosto son as de superar as case sete mil persoas (6.808) que foron atendidas polos profesionais da Oficina de Isabel a Católica.

Os bos datos de recepción de visitantes son o resultado dun mellor posicionamento no sector turístico do Concello de Ourense, que está a traballar en promocionar a cidade como destino turístico a través de diversas campañas desde a Concellería de Turismo e Termalismo. 

Se no mes de xaneiro, logo da campaña de “Ourense con luz propia” do Nadal, Ourense visitaba a Feira Internacional de Turismo FITUR e, ao longo deste 2017, está a traballar en campañas que definen Ourense coma 'Un plan perfecto', conxugando a nosa posición estratéxica dentro de Galicia -a unha hora de tren de A Coruña e a pouco máis de 30 minutos desde Santiago de Compostela- e como destino ideal para o turismo familiar. Tamén como parada no Camiño Mozárabe ou Vía da Prata cara a Santiago de Compostela. Valores engadidos ao termalismo, gastronomía ou ao patrimonio histórico, artístico e cultural.

Porén, Ourense tamén presume de cidade a través dunha campaña promocional que estes días percorre Galicia: “Presume de Galicia”, lanzada polo Clúster de Turismo de Galicia e na que se quere aproveitar o potencial dos galegos como promotores e prescritores do destino para a promoción e difusión do destino Galicia dentro do territorio nacional e nos mercados exteriores fomentando, ademais, o sentido de orgullo e pertenza de Galicia.