O Campionato de Natación refrendou a Pontevedra no mapa turístico

Experiencias como o XVIII Campionato de España Natación Absoluto Open de Primavera acreditan a Pontevedra como sede idónea para o desenvolvemento de eventos deportivos. Unha aposta do Goberno local liderada polo alcalde Miguel Fernández Lores que trae importantes retornos económicos e de promoción da cidade e publicidade indirecta (impacto mediático). 

A avaliación encargada polo Servizo municipal de Deportes e feita por un equipo multidisciplinar da Universidade de Vigo da repercusión deste campionato amosa a rendibilidade do binomio Pontevedra-deporte.

A avaliación do campionato feita polos expertos universitarios vencellados ao Máster de Xestión Empresarial do Deporte e a Facultade de Ciencias Empresariais do Turismo cifra en 234.348,62 euros o impacto económico deixado na cidade polos asistentes e define un alcance mediático do evento de 338.540 persoas o que supón que de ter que ser contratada a publicidade para chegar a esa audiencia o Concello tería que ter investido 1.217.317,45 euros.

O estudo avaliou a repercusión económica e o impacto mediático dun evento que reuniu o pasado abril á elite deste deporte na cidade. Con Mireia Belmonte ao fronte o campionato acadou unha audiencia de 338.540 persoas.

Novecentos asistentes deixaron 234.348,62 euros na cidade, 6 de cada 10 persoas, dispostas a pagar por asistir ao evento e o 98% declarou que volvería a Pontevedra con tempo e coa familia.