Buscar/Hemeroteca

martes, 22 de agosto de 2017

Achega de Turismo de Galicia para Terras de Pontevedra


O alcalde de Pontevedra e presidente da mancomuniade Terras de Pontevedra, Miguel Fernández Lores e Nava Castro, directora xeral de Turismo, asinan un novo convenio de colaboración cunha contía de 100.000 euros.

Promocionar a Mancomunidade Terras de Pontevedra como destino turístico diferenciado e de calidade no panorama estatal e internacional. É o afán compartido pola Xunta e os concellos que integran a mancomunidade –-Pontevedra, Marín, Poio, Ponte Caldelas, Cerdedo- Cotobade, Barro e Campo Lameiro- e que os leva a firmar un novo convenio para a realización de actividades de promoción do turismo na comarca de Pontevedra.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, en calidade de presidente de Terras de Pontevedra e Nava Castro, directora xeral de Turismo da Xunta asinaron o acordo. Ao carón deles os alcaldes de Poio, Luciano Sobral; Marín, María Ramallo; Barro, Xosé Manuel Abraldes; Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela; Ponte Caldelas, Andrés Díaz e Vilaboa, José Luis Poceiro e o delegado territorial da Xunta de Pontevedra, José Manuel Cores Tourís.

O convenio ten unha dotación de 104.915 euros, dos que a Xunta porá 60.000 euros e os concellos 44.915 euros.

“Nós temos un xeodestino, un destino completo: estamos no Caribe galego, temos praias en Marín, Poio, fluviais en Ponte Caldelas ou Pontevedra; gastronomía, patrimonio etnográfico de arte rupestre en Campo Lameiro, Ponte Caldelas ou Marín; ou arquitectónico nos centros históricos de Combarro ou Pontevedra; unha temperatura ideal…” sinala o alcalde Miguel Fernández Lores. Mais “tampouco queremos un turismo masivo; queremos que veñan, nos coñezan, coman, durman e volvan; un turismo familiar, tamén congresual, deportivo…moi importante para desestacionalar a actividade” engade o alcalde quen lembra que acadar este obxectivo é “unha labor de todos: da Xunta, dos concellos e do sector que cada vez ten que actualizarse máis e dar servizos de alta calidade”.

No hay comentarios: