Turismo de Galicia promociona o xeodestino Ferrolterra-Rías Altas

Turismo de Galicia, Nava Castro e a Mancomunidade de concellos da comarca de Ferrol presentaron os contidos do convenio asinado para a realización de diversas actividades de promoción, dinamización e fomento do xeodestino Ferrolterra-Rías Altas. Da súa aplicación ao longo dos próximos meses beneficiaranse os máis de 20 concellos integrados nesta marca turística.

O convenio ten o obxectivo compartido de potenciar e afianzar como destino turístico, tanto nacional como internacional, esta comarca de Galicia, para o cal poranse en valor os seus recursos endóxenos, traballarase por consolidar a súa imaxe de marca e promocionaranse e comercializaranse produtos turísticos innovadores. O acordo subscrito a dúas bandas leva aparellada unha subvención de 75.000 euros, dos cales Turismo de Galicia achega o 80%. 

O xeodestino Ferrolterra-Rías Altas, que o ano pasado presentou unha evolución positiva en liña co resto da Comunidade, conta cuns valores endóxenos de alto valor natural e paisaxístico que o converten nun destino único. Nos seus preto de 450 km² de territorio atópanse importantes Espazos Naturais Protexidos, entre os que sobresaen o Lugar de Importancia Comunitaria Costa Ártabra, que percorre a maior parte da liña costeira en nove concellos, o Parque Natural Fragas do Eume e o Lugar de Importancia Comunitaria Xubia-Castro. 

Para acadar os diversos obxectivos, establécense cinco liñas de acción. A primeira afondará na promoción do destino turístico en internet, soportes físicos, feiras ou espazos de gran afluencia. Ademais, en liña coa Estratexia do turismo de Galicia 2020, impulsarase a oferta do turismo slow, de xeito que podan sumarse a ela empresas potencialmente interesadas e se acade un maior coñecemento entre viaxeiros interesados neste tipo de propostas. 

Os produtos Costa das Ondas e Camiños da Peregrinación tamén se inclúen no convenio, que propón aproveitar as singularidades que ten o Camiño Inglés e o Camiño a Santo André de Teixido. Traballarase, así mesmo, por mellorar a interpretación da paisaxe costeira, unha das experiencias más impresionantes deste destino cun enorme interese para os turistas náuticos, os cruceiristas e os viaxeiros que puntualmente realizan rutas en barco.

Este convenio de colaboración dá continuidade á colaboración no pasado entre Turismo de Galicia e a Mancomunidade de Ferrol que xa permitiu desenvolver numerosas actuacións para asentar os piares dunha estratexia turística supramunicipal no xeodestino Ferrolterra-Rías Altas, cos beneficios para a xeración de emprego e redistribución da riqueza.