Imos de troula a Santiago

Selma Uamusse
Despois de darlle a benvida ao Apóstolo 2017 co pregón de Uxía Senlle e a música de Mercedes Peón, chega unha fin de semana que virá marcada polo blues, funk e o soul, con numerosos concertos e actividades en varias zonas da cidade.

A festa comeza este sábado na praza de Cervantes, cunha sesión vermú a partir das 13:30 horas que virá amenizada pola música de Andhrea and The Black Cats. A partir das 14:00 horas, Tras San Fiz de Solovio será un fervedoiro de música funk e jazz grazas ao grupo Gruzvilla, ao que seguirán diversos DJs. Ademais, haberá un polbeiro para quen desexe repoñer forzas e continuar a festa.

Sábado e domingo a partir das 22:00 horas o festival Terra da Fraternidade, unha das propostas destacadas da programación das festas do Apóstolo 2017, con varias propostas ata o 18 de xullo na praza da Quintana. Haberá artistas de Polonia, Mozambique, Ghana, Francia, Brasil, Etiopía, Colombia e Portugal, con cadansúa contraparte galega. Nesta ocasión actuará o grupo Habelas Hainas coa artista mozambiqueña Selma Uamusse. O domingo será a vez de Adrián Costa & The Criers, acompañados polos ghaneses Pat Tomas & Kwashibu Area Band.

Xa o domingo, a Banda Municipal de Música, dirixida por Casiano Mouriño, fará as delicias da veciñanza na Alameda de Lavacolla, onde darán un pequeno concerto en sesión vermú a partir das 13:00 horas, contribuíndo á descentralizar os festexos deste Apóstolo 2017. Na praza de Cervantes, ás 13:30 horas, momento para o blues e soul de Sabela King & The Heartbrakers.

O luns comezará un dos programas máis diversos destas festas, que permiten levalas a barrios e recunchos. Trátase do Artellando, que achegará ao CSC de Villestro o espectáculo Momento de asombro, de Martín Camiña, e á praza do Matadoiro A galiña azul de Fran Rei. Xa ás 21:00 horas, a praza do Obradoiro acollerá o circo comtemporáneo de "Spazi...o Dikhotomia".

A praza de Feixóo é o espazo elixido para un novo concerto promovido por Cidade Vella no que se poderá gozar do grupo Monkillos, a partir das 20:30 horas. Ademais, a praza da Quintana volverá ofrecer un novo concerto do Festival Terra da Fraternidade, co grupo galego The Lakazans e o etíope francés Girma Beyene & Akale Webé.