Galicia e Guanajato colaborarán en materia de promoción turística

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o secretario de Turismo do estado mexicano de Guanajato, Fernando Olivera, asinaron un memorándum de entendemento no que se establece a folla de ruta para colaborar no ámbito turístico e fortalecer así as accións encamiñadas á súa promoción. 

Trátase este dun acordo que, en palabras de Nava Castro, supón un “importante paso adiante para a internacionalización de ambos destinos”. Unha internacionalización que, recordou, é un dos obxectivos clave nas liñas de traballo de Turismo de Galicia, enmarcados na Estratexia de Turismo 2020.

“Estamos traballando para incrementar o número de viaxeiros que nos visitan e queremos facelo, fundamentalmente, a partir do auxe do turista estranxeiro”, indicou recordando que o obxectivo da nova Estratexia do Turismo, é que en 2020 o turismo internacional represente o 33,3% do total.


Neste sentido e incidindo nesta internacionalización, a directora de Turismo de Galicia resaltou a importancia de asinar acordos coma este, a través do cal os destinos de Galicia e Guanajuato establecerán liñas de colaboración nas que realizarán un intercambio de información e material turístico. Deste xeito, vaise promocionar o destino turístico de Galicia no Estado de Guanajuato, da mesma maneira que Galicia tamén promocionará este destino mexicano.