Portomarín consagra por pascua a augardente

 En Portomarín (a 25 km. de Lugo) agarda un ano mais un brinde con augardente o Domingo de Pascua de Resurrección (16 de abril). Será a edición número 47 da Festa da Augardente, á que, desde hai sete anos, ven engadirse a degustación da anguía, unha das especialidades gastronómicas do lugar. 

A festa, que atrae cada ano a milleiros de visitantes e degustadores, é unha homenaxe aos augardenteiros, que durante décadas destilaron, de forma artesanal e tradicional, este licor, xa elaborado no antigo asentamento do pobo, hoxe baixo as augas embalsadas do río Miño (embalse de Belesar, inaugurado en 1962). Logo do asulagamento, o novo Portomarín construiuse nas terras altas do monte do Cristo, na marxe dereita do río Miño.

As celebracións empezaron o sábado anterior, pero o día grande ha ser o domingo, que comezará co prendido das alquitaras na Praza Maior. Seguirá coa solemne sesión do Cabildo Xeral da Serenísima Orde da Alquitara e a recepción e ingreso de novos cabaleiros e damas. 

Deseguido, o pregón desde o balcón da Casa Consistorial, que dará paso ao Concurso da Augardente coa correspondente cata, selección, fallo do xurado e entrega dos premios aos augardenteiros gañadores. 

Encomenda de Templarios e fito importante do Camiño de Santiago, Portomarín, do latín Portumarini, porto ou paso fluvial de pouca profundidade, aparece no Códice Calixtino como Pons Minea (Ponte do Miño). 

A ruta xacobea, que percorre 13 km. deste termo municipal tivo aquí unha proxeción particularmente relevante entre os séculos X e XII. Sitúase entre Sarria e Palas de Rei (Lugo). Hoxe segue a ser lugar de paso importante, alquitaras á marxe , do Camiño do s.XXI.

A construcción do novo Portomarín requeiriu o traslado, pedra a pedra, do seu patrimonio monumental, entre o que sobresae a igrexa de san Xoán, hoxe de san Nicolás, templo- fortaleza construido no s. XIII, que pertenceu á orde de San Juan de Jerusalén. Consta dunha nave con cinco tramos cubertos de bóveda de crucería e de canón apuntado. As súas torres rematan con almeas.