Un Camiño máis accesible

O aumento da oferta accesible no Camiño de Santiago será unha das claves para converter a experiencia da peregrinación nun fenómeno moito máis universal e contribuirá a situar Galicia como destino turístico diferenciado, adaptado e responsable.

Así o manifestou esta mañá a responsable de Turismo da Xunta, Nava Castro, durante a súa visita ao curso de formación ‘Turismo accesible no Camiño de Santiago’ que se está a celebrar no Centro Superior de Hostalería de Galicia (CSHG), impulsado polo seu departamento ao abeiro do proxecto europeo Saber-Universal.

Ante a presenza dos numerosos profesionais do sector participantes, Nava Castro destacou que para poder acadar esta oferta accesible a formación ocupa un lugar primordial. “Somos conscientes de que todos os operadores turísticos e profesionais que traballades ou traballaredes no futuro neste sector precisades ter na vosa man as ferramentas adecuadas para poder construír entre todos unha oferta turística accesible, adaptada e responsable, por iso levamos a cabo iniciativas como esta que axudarán a acadalo”, indicou.

A directora de Turismo de Galicia referiuse, ademais, á especial importancia dun turismo accesible no eido do Camiño de Santiago, un dos nosos recursos máis internacionais e que cada ano trae a Galicia a numerosos peregrinos, aos que se debe facilitar a súa peregrinaxe. “Facendo un Camiño máis adaptado tamén conseguiremos que poidan ser moitos máis os que nos visiten para gozar desta magnífica experiencia”, engadiu.