Semana Santa gastro musical en Santiago

Santiago vólve apostar para esta Semana Santa por dous dos programas que tiveron grande éxito o ano pasado como "Santiago, paixón doce" e "De lugares e órganos", unha programación transversal para converter Santiago nun destino turístico de referencia durante estas datas. 

Un dos eixos da programación son as actividades gastronómicas que comezan o venres 31 de marzo coa tradicional Festa da Uña de San Lázaro. Dende o 31 ata o 3 de abril o barrio celebra a súa tradicional festa como antesala á Semana Santa. Inclúe a romaría na que se celebra a gran subasta das uñas. 

Ademais este ano participan un total de 23 restaurantes, non só do propio barrio senón tamén de fóra que ofrecen o tradicional plato da "Festa da Uña". A programación completa, tanto desta festa da uña como do resto de actividades pode consultarse na web www.semanasantasantiago.com

Outra das actividades gastronómicas que se desenvolverán é a que leva o nome de Santiago Paixón Doce. Santiago é unha cidade larpeira que destaca polos productos gastronómicos e que conta con doces receitas e sobremesas feitas de forma tradicional. A maiores das roscas e os ovos de Pascua, salientan algunhas propostas como tartas, conchas de Santiago, delicias monacais, rosquillas… e unha ampla variedade gastronómica. 

A segunda edición de "Santiago Paixón Doce", que se celebrará do 7 ao 17 de abril, contará con 29 locais participantes, nove máis que o ano pasado, que incluirán nas súas súas cartas produtos e preparacións doces tradicionais da Semana Santa.

A Semana Santa 2017 incorpora tamén unha chea de oferta musical cuxo epicentro son os concertos da Banda Municipal de Música e da Real Filharmonía en diversas localizacións da cidade como o Auditorio de Galicia, Teatro Principal ou a Igrexa de Bonaval.