Sabores da Lampreia en Valença

A directora de Turismo de Galicia destacou a importancia da lamprea a das súas artes de pesca como recurso endóxeno con alto valor diferencial e gran potencial turístico. Nava Castro fixo estas declaracións durante a inauguración do Festival Gastronómico ‘Sabores da Lampreia’ que se celebra este fin de semana en Valença do Minho.

A responsable de Turismo da Xunta explicou que a fama da que goza a lamprea a nivel internacional, non só é atribuíble á calidade do produto, senón tamén á forma artesanal da súa captura. “Tanto as pesqueiras como as artes de pesca son elementos tradicionais e singulares do territorio e da paisaxe que integran o patrimonio material e inmaterial dos concellos, constituíndo elementos de gran atractivo turístico”, afirmou.

Neste senso, Nava Castro destacou a aposta de Turismo de Galicia polo impulso deste recurso coa posta en marcha da Ruta da Lamprea, un itinerario que pon en valor os principais recursos naturais, gastronómicos e culturais galegos ao redor dos labores de pesca e a gastronomía deste singular peixe que persistiu ao longo dos anos no noroeste peninsular, habitando no Río Miño dende fai máis de 500 millóns de anos. 

A directora de Turismo de Galicia sinalou que este produto turístico diferenciador de Galicia dá a coñecer o importante patrimonio que rodea a este peixe e á súa captura, mostrando aos visitantes desde as artes de pesca, como as pesqueiras ou as estacadas, ata recursos naturais e culturais, como miradoiros, paseos, pontes ou capelas, entre outros elementos. Así mesmo, destacou que a ruta ofrece multitude de restaurantes que permiten degustar este manxar de maneiras moi diversas.