Doce adegas de Valdeorras participan en Prowein

O Consello Regulador da D.O. Valdeorras participará novamente na feira sectorial Prowein, que se desenvolve na cidade alemá de Düsseldorf desde este domingo e ata o vindeiro 21 de marzo. No foro especializado participan 12 bodegas amparadas baixo o selo de Valdeorras, o que amosa –segundo o presidente do Consello Regulador, Francisco García, “que os membros do sector vitivinícola da comarca están a respaldar a intensificación das accións de promoción exterior postas en marcha pola D.O.”

No recinto feiral de Prowein, o Consello Regulador de Valdeorras disporá dun espazo expositor propio de 9 metros cadrados. O mercado europeo, en xeral, e alemán, en particular, é “especialmente relevante para os viños da comarca”, tal e como salienta o presidente do Consello Regulador. “Queremos incentivar as exportacións cara a Alemaña, un dos maiores consumidores de viños de Europa”, afirma García.

En Prowein 2017 exhibiranse ata 26 referencias diferentes de viños da comarca de Valdeorras, principalmente mencías e godellos pero tamén algún escumoso. Trátase de viños pertencentes ás bodegas Virxe de Galir, Valdesil, Joaquín Rebolledo, Ladera Sagrada, Godeval, Felipe Mayo, Ruchel, Carballal, Roandi, Terriña, Bodega Cooperativa Jesús Nazareno e A Coroa.