Curso de poda de viñedos en Valdeorras

Logo do éxito do curso práctico de poda desenvolvido o pasado sábado en Vilamartín de Valdeorras polo Consello Regulador de Valdeorras e o Inorde, ambas as entidades promoven de novo conxuntamente unha nova edición desta iniciativa. Celebrarase na mañá do vindeiro sábado, día 18, e estará dirixida, ao igual que o sábado pasado, polo técnico Francisco Rego, investigador da Estación de Enoloxía e Viticultura de Galicia (Evega).

Cunha vocación eminentemente práctica, o curso da semana pasada contou coa participaron de 25 persoas e esgotou as súas prazas. Agora, para responder á grande demanda suscitada, ponse en marcha unha nova convocatoria na que, ata o momento, hai anotadas 14 persoas. Os interesados en participar poden porse en contacto co Consello Regulador a través do teléfono 988 30 02 95.

Este curso enmárcase na decidida aposta do Consello Regulador da D.O. Valdeorras por fomentar accións formativas entre os membros que compoñen o sector vitivinícola da comarca.