Ábrese o prazo do programa Benestar en balnearios

A Xunta de Galicia abre ata o vindeiro día 17 de abril o prazo de presentación de solicitudes para participar no programa ‘Benestar en balnearios’. O principal obxectivo deste programa é contribuír ao mantemento da autonomía das persoas maiores, facilitándolles a posibilidade de gozar duns días de descanso, convivencia e tratamento termal, ocupando o seu tempo libre dun xeito activo e positivo.

Nesta ocasión, e tal como se recolle no Diario Oficial de Galicia (DOG) do pasado xoves, convócanse un total de 600 prazas repartidas por toda Galicia. Como en pasadas edicións, este programa desenvolverase nos balnearios de Acuña en Caldas de Reis (Pontevedra); Arnoia en Ourense; Augas Santas en Ferreira de Pantón (Lugo); Baños de Brea en Vila de Cruces (Pontevedra); Baños de Molgas en Ourense; Caldelas de Tui en Tui (Pontevedra); O Carballiño (Ourense); Carballo (A Coruña); Cuntis (Pontevedra); Laias en Cenlle (Ourense); Lobios (Ourense); Río Pambre en Palas de Rei (Lugo); Termas Romanas de Lugo; Balneario de Guitiriz (Lugo) e o Balneario Eurostars Isla de La Toja no Grove (Pontevedra). 

Para participar nesta iniciativa é necesario ter máis de 60 anos ou de 55 reunindo a condición de pensionista, estar empadroado e residir en Galicia, valerse por si mesmo, non padecer enfermidade infecto-contaxiosa nin trastornos mentais ou de conduta.

As persoas interesados poden acceder á información e ao modelo de solicitude na web da Xunta de Galicia.