A Deputación da Coruña lanza a campaña "Primavera no Camiño

www.dicoruna.es
Co obxetivo de dar a coñecer os numerosos atractivos turísticos cos que conta o Camiño Inglés e impulsar a afluencia de visitantes, a Deputación da Coruña lanza a campaña "Primavera no Camiño".

O acto, na Sala Juanjo Gallo, contou coa asistencia do presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e dos deputados responsables das áreas de Turismo e Economía da institución provincial, Xosé Regueira e Antonio Leira, que presentaron a alcaldes, concelleiros e técnicos de Turismo dos dezaoito municipios coruñeses polos que discorre o Camiño Inglés a axenda de actividades que a Deputación prepara para promocionar este itinerario durante o primeiro semestre de 2017.

González Formoso agradeceu a asistencia dos representantes municipais á presentación e a súa "implicación para facer desta ruta xacobea un referente da nosa provincia". Neste sentido, expresou a vontade da Deputación de "liderar a promoción do Camiño Inglés dentro e fóra das nosas fronteiras da man de todos e cada un dos concellos polos que discorre" o itinerario.

Pola súa banda, o responsable da área de Turismo do goberno provincial, Xosé Regueira apuntou que "non se pode dubidar da aposta decidida da Deputación polo Camiño Inglés que queda á vista en que foi protagonista de dúas presentacións nos catro últimos anos en Fitur, fixéronse importantes melloras na sinalización, elaborouse unha auditoría do seu estado para saber onde é necesario actuar e fíxose un traballo de grande relevancia tanto na divulgación como no acondicionamento". Regueira destacou a nova etapa que se abre despois de iniciar a colaboración coa Axencia Galega de Turismo e o Xacobeo co fin de establecer "unha estreita colaboración cun obxectivo conxunto arredor da promoción e mellora do Camiño Inglés".

O deputado de Economía, Antonio Leira, afirmou que a promoción deste itinerario xacobeo é un dos obxectivos do goberno provincial e definiu á ruta como "un exemplo de slow tourism" no que o peregrino atopará múltiples atractivos. Sinalou tamén que no último ano máis de 10.000 persoas elixiron o Camiño Inglés como ruta de peregrinaxe para chegar a Compostela, o que amosa o enorme potencial da mesma.

Conferencias en oito municipios
As actividades do ciclo "Primavera no Camiño" comezarán cun ciclo de conferencias divulgativas sobre a historia do Camiño Inglés e os seus múltiples atractivos etnográficos, culturais, naturais e arquitectónicos, a cargo do xornalista Cristóbal Ramírez, presidente durante vinte anos da Asociación de Xornalistas do Camiño de Santigo e experto en divulgación das rutas xacobeas.

Narón, Fene, Pontedeume, Betanzos, Oroso, Cambre, Carral e Abegondo acollerán estas conferencias, que se desenvolverán entre os meses de marzo e maio, co obxecto de divulgar "os segredos desta ruta bicéfala, que conecta A Coruña e Ferrol con Santiago de Compostela e que pode percorrerse comodamente en catro días", explicou Ramírez.

En cada unha destas conferencias distribuirase ademais novo material promocional que a Deputación editará especificamente para esta campaña, entre os que se incluirán folletos informativos de cada unha das etapas nos que se describen algúns dos lugares máxicos e puntos de interese que os peregrinos atoparán durante a viaxe: bosques frondosos, praias de augas cristalinas, antigos faros e cruceiros e camiños rurais cheos de historia.

Betanzos, epicentro do Camiño Inglés en abril
A actividade central desta campaña desenvolverase en Betanzos o vindeiro 22 de abril coa celebración dun evento no que os dezaoito concellos polos que discorre o Camiño Inglés presentarán, noutros tantos stands ubicados na praza García Irmáns do centro do municipio, a súa oferta turística e gastronómica.

"Baixo o paraugas da Deputación, esperamos que Betanzos se converta o 22 de abril no epicentro do Camiño Inglés; nun gran escaparate no que se reúne o mellor dos concellos polos que pasa esta ruta xacobea", afirmou Valentín González Formoso, que explicou que na feira será posible desgustar produtos típicos de cada un dos municipios e coñecer a diversidade da oferta turística que ofrece o itinerario.