Santiago, novo membro da Asociación de Concellos do Camiño Inglés

Coa finalidade de promocionar o desenvolvemento turístico do Camiño Inglés, e cos votos favorables de todos os grupos municipais, o Pleno da Corporación aprobou en sesión ordinaria a adhesión de Santiago á Asociación de Concellos. 

Este novo avance na promoción do Camiño Inglés,  acontece despois de que os alcaldes de Santiago e A Coruña, Martiño Noriega e Xulio Ferreiro, respectivamente, lle solicitaran ao Cabido compostelán a concesión da "Compostela" a aqueles peregrinos e peregrinas que comecen o Camiño dende a cidade herculina. Unha proposta que para Segundo Pérez chegou "avalada por un estudo serio sobre a relevancia histórica do Camiño Inglés dende a Coruña realizado polo Concello, que tamén está traballando para potenciar os seus lugares xacobeos".

Coa adhesión, Compostela entra a formar parte dunha asociación que ten como obxectivo a promoción do Camiño Inglés, a defensa e mellora do patrimonio natural e artístico do Camiño Inglés ou a elaboración de programas turísticos e medioambientais. Están representados os municipios de Mesía, Cabanas, Paderne, Oroso, Abegondo, Neda, Miño, Pontedeume, Betanzos, Ordes, Culleredo, Cambre, Fene, Narón, Ferrol e A Coruña.