Pérdidas de 10.000 euros no castelo de Soutomaior polo temporal

O castelo de Soutomaior volveu abrir as súas portas despois de que o persoal do Servizo de Medio Ambiente da institución provincial conseguise reparar os danos provocados por mor da climatoloxía adversa sufrida na provincia a pasada semana, durante a que se decretaron as alertas vermella e laranxa. 

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, visitou o complexo do castelo de Soutomaior, acompañada polo deputado delegado de Turismo, Santos Héctor Rodríguez, e o alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, e sinalou que "o castelo volveu abrir este martes, como tivemos previsto". A presidenta lembrou que este foi un dos grandes afectados polo temporal que sufriu Galicia os pasados días, o que fixo que "o persoal do Servizo de Medio Ambiente tivese que traballar arreo durante días e coa axuda de maquinaria especializada" para a realización das tarefas de reparación, que consistiron "na retirada das árbores de grandes dimensións, que foron arrincadas de raíz, e tamén das pólas que quedaron soltas nas copas e as que quedaron tiradas polo solo". En canto á situación actual do castelo de Soutomaior, Silva sinalou que "a día de hoxe xa está habilitada a zona do parque para o seu uso e para a realización de visitas e, malia que as zonas do bosque e do viñedo xa están libres e transitables, aínda queda traballo por facer para retirar o resto das pólas que seguen espalladas polo chan".

Fíxose unha avaliación dos danos que sufriu o complexo, estimados "en arredor de 100.000 euros, para facer fronte á reposición da situación". Esa cantidade vaise dedicar "a repoñer as árbores, os camiños, o mobiliario e os muros que foron afectados". Carmela Silva asegurou que "se vai facer de forma inminente, porque este castelo ten que ter unha atención inmediata por parte da Deputación", e sinalou que, "malia que os danos foron importantes, xa puidemos abrilo ao público para que recupere a súa actividade e que a xente volva a este recinto".

No complexo de Soutomaior perdéronse unhas 20 árbores, entre elas un pinsapo centenario, que causou danos na zona amurallada; dúas tuias, que impediron o paso dos vehículos; unha carballiza centenaria, de máis de 20 metros de altura, que ocasionou o derribo de parte dunha camelia tamén centenaria, que, como sinalou Carmela Silva, "ten unha enorme capacidade de recuperación e polo tanto poderase recuperar, o que é unha alegría"; un cedro de Portugal, que esnaquizou un dos bancos do parque; ou outro cedro, diante da capela que cortou a estrada pola que se accede a ela e tamén afectou o muíño. As árbores máis afectadas na parte do bosque foron o ciprés, a acacia e o érbedo, pero tamén se perderon carballos, piñeiros e eucaliptos.