Passeport Escales dinamiza os portos galegos

A rede náutica internacional Passeport Escales xerou un volume de negocio aproximado de 300.000 euros ao longo do 2016 nos 14 portos deportivos galegos adscritos e as vilas que os acollen. Estas cifras de actividade foron facilitadas polo presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, logo dunha reunión entre os responsables do ente público, o coordinador da rede internacional, Gildas Mottais, e os directivos das entidades náuticas galegas adheridas, para establecer liñas de traballo de futuro. 

Entre xaneiro e decembro de 2016, a rede impulsou un total de 1.448 pernoctas nos portos deportivos galegos. Porto a porto, o número de estancias vinculadas á Passeport Escales durante este ano foi o seguinte: Ribadeo, 163; Viveiro, 204; Ares,40; Camariñas, 79; Muxía, 85; Muros, 179; Portosín, 49; A Pobra, 60; Cabo de Cruz, 43; Portonovo, 35; Sanxenxo, 23; Combarro, 77; Cangas, 28; Marina Coruña, 164; e Club Náutico da Coruña, 213. Segundo explicaron os responsables da rede, creada pola entidade francesa Compañía de Morbihan e á que Galicia pertence dende o ano 2014, estímase que o volume de negocio que xera para o sector náutico, auxiliar, hostalería, restauración e servizos cada pernocta é de entre 200 e 500 euros polo que, como mínimo, o volume de negocio xerado en Galicia neste ano situaríase arredor dos 300.000 euros.

A cifra de chegadas estranxeiras aos peiraos de Passeport Escales amosa o pulo que esta iniciativa aporta ás instalacións náuticas galegas ao incluír á nosa comunidade nas rutas de navegación no Arco Atlántico que promove. En concreto, a rede fomenta itinerarios entre Gran Bretaña, Francia e norte de España –Galicia e País Vasco- aportando facilidades e incentivos económicos para os navegantes á hora de recalar nos peiraos membros.