Ourense presenta o Programa Provincial de Entroidos 2017

Do 23 de febreiro ao 5 de marzo o Programa Provincial de Entroidos 2017 reúne máis de 100 actividades, organizadas por diferentes municipios da xeografía ourensá. Na presentación no Centro Cultural "Marcos Valcárcel" participou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, acompañado por unha representación dos traxes e das máscaras típicas da nosa provincia: a pantalla de Xinzo, a mázcara de Manzaneda, o boteiro de Viana, o felo de Maceda, o boteiro de Vilariño, o troteiro de Bande, o labardeiro de Mugares, as bonitas de Sande, o vellarrón de Riós, os cabreiros de Muíños, o cigarrón de Verín, o felo e madama de Esgos, as pitas de Eiroás, a mázcara e zarramanculleiro da Xironda e o madamito de Entrimo.

"O programa resume día a día cales son as manifestacións do Entroido máis importantes en cada unha das localidades e tendo como protagonistas as figuras senlleiras desta festa", afirmou o presidente do goberno provincial. Se van a editar "12.000 exemplares que serán remitidos a todas as Oficinas de Turismo das principais cidades galegas e mesmo fóra de Galicia,e tamén a todos os establecementos hoteleiros da nosa provincia, para divulgar esta riqueza cultural. Así mesmo, emitirase en diferentes televisións locais, un spot publicitario sobre o Entroido de Ourense que contribúe a promocionar esta celebración ligada a nosa cultura, a nosa historia e a nosa identidade".

.Baltar agradeceu a asistencia dos representantes "da festa tradicional de Ourense que converte ao mes de febreiro, nun dos máis importantes do ano, porque se hai unha provincia onde o Entroido é un referente cultural e etnográfico que traspasa os límites xeográficas, esa é Ourense". e adiantou na presentación do Programa Provincial de Entroidos 2017 que, o goberno provincial, "está a traballar para que, en coordinación con entroidos doutras rexións de España e do Norte de Portugal, sexa declarado pola UNESCO, Patrimonio Cultural Inmaterial", e engadiu, "encaixa perfectamente con esta definición, como representante da cultura dun pobo, que pasa de xeracións a xeracións e que forma parte da súa alma".

A provincia de Ourense conta con Entroidos declarados de Interese Turístico Nacional, como son os de Xinzo e Verín, ademais dos entroidos de Maceda, Laza, Vilariño de Conso, Manzaneda e Viana do Bolo que contan coa declaración de Interese Turístico Galego.