O Catálogo das Paisaxes de Galicia, promovido pola Consellería do Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, vén de ser seleccionado para ser a candidatura española á quinta edición do Premio da Paisaxe do Consello de Europa. Con esta iniciativa, o Consello europeo quere pór de relevo as políticas e medidas adoptadas polas autoridades locais ou rexionais, as súas agrupacións, así como as organizacións non gobernamentais, para protexer, xestionar e planificar as súas paisaxes.
O Premio da Paisaxe do Consello de Europa é unha convocatoria bienal que nace ao abeiro do Convenio Europeo da Paisaxe aprobado en Florencia no ano 2000 con entrada en vigor en España en marzo de 2008. Cada Estado participante no Convenio pode presentar unha única candidatura, que, neste caso, defenderá o Catálogo das Paisaxes de Galicia.
A protección, a xestión e a ordenación das paisaxes, entendidas como un factor para potenciar a calidade de vida en todo o territorio e como integrantes da identidade cultural son os principais fitos do Convenio Europeo da Paisaxe. Ademais, presenta a paisaxe como un elemento clave de intervención na planificación do territorio, especialmente, por contribuír a preservar os valores patrimoniais e dotar de maior coherencia as políticas que actúan no territorio.
O Catálogo das Paisaxes de Galicia foi seleccionado entre todas as propostas presentadas por un xurado composto por un responsable dos Ministerios de Educación, Cultura y Deporte e de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente e por tres expertos na materia.