O "Atlas Termal Europeo", a maior base de datos sobre recursos termais en Europa

A maior base de datos sobre recursos termais en Europa, para o estudio e divulgación do patrimonio termal o "Atlas Termal Europeo" europeo foi  presentada polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, en representación dos territorios termais de Europa EHTTA, en Bruxelas. O Atlas, desenvolvido polo comité científico da EHTTA, está estruturado nun Sistema de Información Xeográfica con categorías que abranguen datos de: municipios, mananciais, fontes, balnearios, hoteis, vilas termais, ocio, natureza, servizos, industria, investigación, eventos, imaxe e turismo; facilitando a comparación a diversas escalas.

O presidente da Deputación presentou o Atlas Termal ao departamento de referencia de asuntos de Termalismo, que dirixe o comisario de Educación, Cultura, Xuventude e Deporte da Unión Europea, Tibor Navracsics. Acompañado de Paul Simons e de Mario Crecente -presidente e vicepresidente do comité científico da Rede de Territorios Termais de Europa-, Manuel Baltar puxo en valor "as potencialidades dos recursos económicos e turísticos que o termalismo ten en Europa, continente coa maior riqueza e tradición termal do mundo". 

O "Atlas Termal de Europa" ten como finalidade compilar e xestionar a información sobre recursos e valores dos territorios termais europeos desde o punto de vista natural, cultural e intanxible. Este proxecto tivo a súa orixe no Comité Científico da Asociación Europea de Cidades Históricas Termais (EHTTA) e no Itinerario Cultural Europeo das Cidades Históricas Termais, avalado polo Consello de Europa, e foi desenvolvido por un equipo multidisciplinar de expertos en termalismo, patrimonio, historia, paisaxe, urbanismo e turismo, coordinados por Mario Crecente, redactor do plan "Ourense, a provincia termal".

Baltar expuxo ademais as fortalezas do termalismo da provincia de Ourense, integrada na rede termal máis importante de Europa, na que están presentes 40 membros de 13 países, e na que se atopan cidades como Baden Baden, Bath, Budapest, Vichy e a propia cidade de Ourense, unha das fundadoras, ao tempo que forma parte do Itinerario Cultural Europeo das Cidades Históricas Termais.

Manuel Baltar, afirma que o turismo termal "ten que seguir apostando, como facemos na provincia de Ourense, pola innovación ao servizo da xestión, e deu conta á Comisión Europea da iniciativa que xa presentou recentemente en Madrid: a realización dun "pacto termal nacional" para promocionar o termalismo español no mercado internacional. "Podemos crecer moito neste sector –explicou Baltar- poñendo de acordo ao sector privado, ás institucións públicas e aos usuarios, e traballando todos na mesma dirección para xerar áreas de atracción turística ao redor da riqueza termal de cada territorio".